21 de novembro de 2017

Restringido   Contacto  Engador a Favoritos

Inicio

AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE CULLEREDO

 


Home / Actualidade / Xeral / Galicia rexistra a maior caída do orzame

Xeral

Galicia rexistra a maior caída do orzamento na atención primaria.

A comunidade é a terceira que máis recorta a sanidade nas contas de 2010. Fonte: elpais.com

 

O recorte do gasto da Xunta na sanidade deixa á comunidade autónoma á cabeza das que máis diñeiro detraen a este servizo público nos orzamentos de 2010. A caída ten especial repercusión na atención primaria, que cun 1,38% menos, é a que maior baixada sofre en toda España, segundo un informe da Sociedad Española de Médicos Generales y de Familia (SEMG).
O estudo serviuse das cifras que achegan os boletíns oficiais das comunidades autónomas. Na comparación están excluídas cinco que non desagregan os datos: Andalucía, Aragón, Cataluña, Murcia e Comunidade Valenciana. Entre todas as demais, Galicia é a terceira con maior caída do orzamento en sanidade, cun 1,1%. Queda moi lonxe de Illas Baleares, que reduce a partida en case un 7% e moi preto de Canarias, que o fai nun 1,3%. Só hai outra comunidade máis, a de Madrid, que tamén teña previsto destinar este ano menos diñeiro a sanidade que en 2009. Todas as demais incrementan este orzamento, encabezadas por Navarra, que o fai en máis dun 9%.

Galicia tampouco sae ben parada se se atende ao orzamento per cápita destinado a sanidade neste ano. Con 1.333 euros, é a oitava que menos recursos achega en termos absolutos. Pero no que encabeza todas as clasificacións do estudo da SEMG é na caída de financiamento á atención primaria, que cun 1,38%, ten un recorte dúas terceiras partes superior á seguinte, Castela e León.

O secretario de información da SEMG, Moisés Robledo, resume así todos estes datos: "Como estamos en crise, os orzamentos das comunidades adoitan ser unha continuidade do ano anterior, que nalgúns casos mesmo decrece. Na sanidade pasa máis ou menos o mesmo na maior parte dos casos analizados, aínda que nalgunha aumenta. O que non pasou é que crecese substancialmente a partida de primaria".

Robledo lamenta estas caídas xa que, na súa opinión, as partidas para atención primaria deberían facer xusto o contrario. "Hai acordos entre as comunidades e as sociedades científicas e os colexios de médicos para situar a porcentaxe con respecto ao todo o diñeiro destinado a sanidade entre o 20% e o 25%", asegura.

A realidade é que ningunha se achega a esas cifras. A que máis porcentaxe destina é Castela e León, cun 16,99%. Galicia nesta clasificación tamén queda oitava entre as 12 autonomías estudadas, cun 13,29%. En termos absolutos, son 177 euros por persoa, só por diante da Rioxa e a Comunidade de Madrid. Todas as demais destinan máis diñeiro á atención primaria.

Esta falta de recursos é contraproducente, en opinión da SEMG. "Os problemas que se solucionan en atención primaria saen moito máis baratos que se chegan máis lonxe. Se se atallan aí, van supor un aforro para o sistema. A nosa pretensión é que os orzamentos estean onde teñen que estar", explica Robledo.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) non contestou o requirimento deste xornal para coñecer a natureza dos recortes e por que os orzamentos baixan de forma tan notable con respecto a outras comunidades autónomas os recursos destinados a atención primaria. "Como norma xeral non valoramos estudos", contestou unha portavoz da Consellería de Sanidade.

A interpretación que a sociedade de médicos de familia fai sobre esta baixada orzamentaria é que "a mellora da atención primaria non está encima da mesa dos políticos". "Ten que haber unha revisión en profundidade do sistema, que non se fai por dificultades políticas ou de posta en marcha. É unha formulación do que temos que concienciar aos xestores sanitarios a medio e longo prazo", relata o secretario de información da SEMG.

Pero a realidade parece lonxe das pretensións desta sociedade, xa que na maioría das comunidades autónomas, mesmo nas que aumentan o seu orzamento para sanidade, a atención primaria baixa en recursos. "Estas variacións, que oscilan entre pouco máis dun 1% arriba ou abaixo, non deben repercutir en algo moi evidente para os pacientes, pero dalgún lado ten que saír", conclúe Robledo.

 

 

 

 

 

Qué lle parecen as novas zonas de aparcamento express?

Moi ben

Ben

Regular

Mal


Hay 9 votos hasta ahora.

Ver Resultados

PSdeG-PSOE , C/ Andrés Pan Vieiro, 20. Baixo 15760 Culleredo (A Coruña)
E-mail: culleredo@psdeg-psoe.org
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ó superiores y Opera